A Fundación Carlos Casares estrea a súa páxina Web. Diversas causas adiaron esta presenza na Rede, que viña sendo substituída pola información ofrecida noutros enlaces, nomeadamente a que se atopa a través da Web de ACAMFE (Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores). A partir de agora poderemos estar presentes dun xeito directo, coas novidades e información puntual que unha entidade como a nosa debe ofrecer en prol dos obxectivos para os que foi concibida e polos que vén traballando dende o principio da súa actividade pública.

Unha rápida ollada á páxina de inicio permite comprender a estrutura do noso sitio, pensado fundamentalmente para dar resposta ás cuestións habituais que se presentan nas consultas que por outros medios viñan facendo os amigos e as persoas e entidades interesadas en obter información fidedigna arredor da figura de Carlos Casares e das actividades que a Fundación, na súa memoria, desenvolve.

Pretendemos, xa que logo, que a páxina web da Fundación Carlos Casares sexa un foro de encontro, de consulta e de diálogo, aberta ás suxestións que os internautas nos poidan facer, pero sobre todo que sexa o voceiro oficial da entidade que leva o nome de Carlos Casares e, como tal, a súa maneira de estar en contacto permanente coa sociedade.