Roberto Relova, María Pereira e Lola Correa presentados por Manuel F. VieitesBotando unha ollada á programación cultural de Vigo dos últimos dous anos sorprende a numerosa e variada oferta de música, teatro, cine e actos literarios. Unha miríada de acontecementos culturais que enchen e alegran os meses do ano desta urbe relativamente pequena, orograficamente difícil e na que, segundo o tópico, os seus introvertidos habitantes viven afanados no traballo. Circunstancias que parecen contradicir o pulo cultural que demostra a cidade.

Sobre isto debatiuse o pasado mércores día 12 na cuarta mesa redonda do ciclo Vigo: nos e a cidade, que se vén celebrando dende finais de setembro no Centro Social Caixanova e que ese día reuniu, baixo o lema de A cidade dos Festivais, a Roberto Relova, director do Festival Are More, a Lola Correa, responsable do Festival Alternativo das Artes Escénicas, ALT e mais a María Pereira, directora de Actividades Culturais de Caixanova; actuando como moderador estivo Manuel F. Vieites, coordinador do ciclo. Houbo que desculpar a ausencia de Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura, por compromisos de última hora. Mágoa, porque non escoitou as flores que Roberto Relova e Lola Correa lle dedicaron a el e aos seus predecesores no departamento, loubanzas que chegaron ata Carlos Príncipe e Lois Castrillo, o cal nos vén dicir que os froitos actuais neste eido non se deben á improvisación.

Lola Correa abriu as intervencións salientando que era a primeira vez que eran convocados a falar do FestivALT nun foro cívico, como parte da cultura. Recordou como naceu o ALT e como foi incorporando espazos da cidade, a falta dun teatro municipal: primeiro no MARCO, logo en Caixanova, despois na Lonxa do Concello, na Casa das Artes… pero tamén na rúa, como foi a proposta 12 x 12, e explicou os proxectos de futuro, sempre enfocados no Auditorio do Concello pero sen esquecer os moitos espazos pequenos “para acoller a moita xente”. Roberto Relova fixo fincapé na proposta de Are More como unha oferta pública de música feita dende o Concello de Vigo. Pasou revista ás primeiras edicións do festival e reflexionou sobre todo o que temos: Caixanova, a Sociedade Filharmónica, as Xuventudes Musicais, a Federación de Bandas, etc., e o que nos falta: espazos educativos para públicos que aínda non existen. María Pereira salientou o obxectivo de Caixanova de facer estable, na medida das súas posibilidades, esta liña artística que serpentea pola cidade. Caixanova non produce nin organiza – dixo- senón que patrocina, pero lle gusta ser escoitada. Expresouno claramente: “é un disnosaurio que precisa ser querido”. O compromiso da Obra Social vén de lonxe e máis ca no contedor hoxe fíxase nos contidos, nás excusas para saír á rúa.