O Dr. Emilio Rolán falou sobre a evolución no mundo dos moluscosOnte tivemos a oportunidade de escoitar ao malacólogo Emilio Rolán na Sede Fundación Caixa Galicia de Vigo, dentro do III Ciclo Ciencia e Sociedade que anualmente organizamos coa colaboración da Fundación Caixa Galicia e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O Dr. Rolán deu a conferencia de apertura do ciclo, A evolución no mundo dos moluscos, na que explicou os inicios, as pautas de desenvolvemento e as consecuencias da formación das especies de moluscos nos mares do planeta.
Despois dunha breve introdución sobre as semellanzas e diferenzas entre as formas actuais e ancestrais deste phillum, detívose en explicar o proceso de especiación que se deu nas illas oceánicas. Tomou como exemplo as illas de Cabo Verde, ben coñecidas por el, e describiu o modelo evolutivo que explica a actual exhuberancia de especies que se ve nelas: a formación volcánica das illas, a súa colonización por parte de moluscos costeiros continentais e a especiación dos novos residentes. A variación nas condicións ambientais, a frecuencia da colonización e o tempo longo e demorado son os responsables desta especiación, que se manifesta pola inmensa diversidade e beleza das súas formas.