O Dr. Francisco Pelayo falou da historia de Charles Darwin e da teoría da descendencia con modificaciónA última xornada do III Ciclo Ciencia e Sociedade, que celebra este ano o bicentenario do nacemento de Darwin e o 150 aniversario da publicación de A orixe das especies, centrou o foco na figura e mais na obra do científico británico. Francisco Pelayo, do Instituto de Historia, abordou na súa conferencia a biografía intelectual de Charles Darwin e os sucesivos pasos que o conduciron ao cerne da súa teoría: a descendencia con modificación, que é como denominou concretamente ao proceso de selección natural. A influencia do botánico Henslow na orientación do Darwin mozo cara á xeoloxía; a viaxe do Beagle; a colleita de especímenes e mostras; a súa reclusión en Down House, a reflexión e a súa revolucionaria visión da evolución. O doutor Pelayo salientou tamén as diferencias entre as consecutivas edicións de A orixe… e o papel da casualidade e as voltas da historia no caso do erro na determinación dos pinzóns e a oportunísima colección do capitán FitzRoy.

Xosé Antón Fraga falou da recepción da obra de Darwin en España e en Galicia

Xosé Antón Fraga, director dos Museos Científicos Coruñeses, completou a xornada co relato da recepción da obra de Darwin en España e en Galicia, en particular. O doutor Fraga subliñou que a recepción da nova teoría evolutiva é unha historia de confusións e resistencias: “O darwinismo converteuse nun punto de referencia social e político e, polo tanto, é un bo termómetro para coñecer o estado dunha sociedade”. Explicou Xosé Antón Fraga que a teoría da evolución entrou en España da man da Revolución de 1868 e a mudanza de pensamento que provocou. En Galicia, o tema darwinista seguíu os mesmo pasos, non obstante non terse noticia da entrada do primeiro exemplar de A orixe das especies nun Instituto de Ensino Secundario ata 1871. Na Universidade de Santiago, segundo apuntou o doutor Fraga, non se comprou un exemplar do libro ata o século XX, “funcionando o estamento máis como unha barreira ao darwinismo que como un transmisor das novas ideas evolutivas”.