José Álvarez JuncoJavier Fernández Sebastián

Durante os vindeiros días 17 e 18 de novembro poderemos gozar en Ferrol da presenza dos profesores José Álvarez Junco e mais Javier Fernández Sebastián dentro do marco das I Xornadas Luces e sombras do proxecto ilustrado en España. Unha ollada dende Ferrol, organizadas pola Fundación Carlos Casares e coordinadas por José María Cardesín.

Álvarez Junco (Viella, Lleida, 1942) é Catedrático de Historia dos Movementos Sociais da Universidade Complutense de Madrid e foi Premio Nacional de Ensaio en 2002 polo seu libro Mater Dolorosa. La idea de España en el siglo XIX (Taurus Ediciones, 2001). Entre os temas obxecto das súas investigacións destacan o movemento obreiro e a ideoloxía política do anarquismo español, así como as relacións entre periodismo e política no Madrid de finais do XIX. Tamén fixo unha interesante achega biográfica ao político populista Alejandro Lerroux.

Fernández Sebastián é Catedrático de Historia do Pensamento Político na Universidade do País Vasco, ten unha importante produción científica e dirixe dende hai anos a colección Textos Clásicos de Pensamento Político no País Vasco. É director, xunto co profesor Juan Francisco Fuentes, da obra colectiva Diccionario político y social del siglo XX español (Alianza Editorial 2008). Dirixe dende 2004 Iberconceptos, un proxecto internacional de historia conceptual comparada iberoamericana.