Alfredo Vigo Trasancos, Ofelia Rey Castelao, José María Cardesín e Carmen Fernández Casanova

O venres 20 remataron as I Xornadas Luces e sombras do proxecto ilustrado en España cunha mesa redonda baixo o lema Unha ollada dende Ferrol, presentada e moderada polo profesor José María Cardesín, da UdC. A mesa reuniu a un tríada de excepción: o catedrático de Historia de Arte Alfredo Vigo Trasancos, da USC, e mais as catedráticas de Historia Moderna Ofelia Rey Castelao, da USC, e de Historia Contemporánea Carmen Fernández Casanova, da UdC.

O profesor Vigo Trasancos apuntou, na súa presentación, que a localización de Ferrol posuía as características especiais e concretas para o seu uso como porto de guerra. Características só comparables, na España borbónica, a Cartagena e San Fernando. Iso marcou a súa fisonomía inmediata: ausencia de conventos –“agás o dos poucos franciscanos que levaban na zona dende o século XIV”- unha única parroquia, un edificio carcelario integrado na cidade, rede de cañerías e unha vida cosmopolita. Entre as sombras, o profesor Trasancos salientou a ausencia de estradas e a escasa presenza do poder civil, evidenciada pola mesma falta dunha Casa Consistorial.

A profesora Rey Castelao centrou o seu discurso no Ferrol que había detrás das paredes dos seus fastuosos edificios, a mistura “dun Barroco tardío cunha Ilustración frustrada”. Debullou, con abundante aparello estatístico, un panorama marcado pola ausencia de imprentas e bibliotecas públicas, a escasa presenza de bibliotecas particulares e a deficiencia de centros educativos. “Ferrol tiña concentración de cultura científica e técnica, pero non de cultura libresca”, subliñou, o cal era consecuencia do seu “carácter de cidade de tránsito e de acelerada construción”.

Para a profesora Fernández Casanova resulta imprescindible reflexionar sobre as circunstancias nas que naceu e medrou Ferrol, se queremos explicar a cidade e o contorno que herdamos. En primeiro lugar, o enclave foi creado por decisión Real para desnvolver nel un porto e un contorno urbán. O Arsenal tiña, por tanto, unha proxección internacional e arredor del medraron grupos de referencia relacionados coa Armada, que entraron en colisión coa administración civil. “ Ferrol era un destino transitorio, unha cidade de fluxos e refluxos”, salientou, “cun destino diferente ao da Coruña, xa marcado de antemán”.