Manuel F. Vieites, coordinador do Foro, e Jorge González Gurriarán

Segundo Jorge González Gurriarán non só sería posible senon que acadaría o 8,50% do Valor Engadido Bruto xerado por Galicia, arredor de 3.690 millóns de euros. Foi na primeira sesión do Foro Fundación Carlos Casares – Caixanova, celebrada o pasado martes, día 24, no Centro Social de Caixanova na cidade de A Coruña. O Foro, que ven de estrearse na capital coruñesa, terá continuidade nos anos vindeiros noutras cidades de Galicia. Este ano ten como lema Galicia Internacional. Estratexias de difusión global dende a periferia e reunirá expertos en diversas facetas deste tema, de nivel nacional e internacional.

No decurso da súa presentación, Jorge Gurriarán introduciu o concepto de clúster e pasou revista aos que están funcionando en Galicia e merecen propiamente ese nome por integrar na súa totalidade a cadea empresarial: os clústers da automoción, do naval e mais o da madeira, “o primeiro é dependente; o segundo, funciona subvencionado; e o terceiro, é o único que camiña cos seus propios recursos”, salientou. Hai, por suposto outras liñas, outras cadeas empresariais e mesmo elos de cadeas empresariais que algún día constituirán un clúster, matizou, as TICs ou Tecnoloxías da Información e da Comunicación, por exemplo, a do téxtil, confección e moda, a alimentaria…

O desenvolvemento endóxeno, o baseado nos recursos propios, non basta. “Galicia é máis potente que o Xapón en recursos propios”, subliñou Gurriarán. É preciso poñer en movemento ese potencial de desenvolvemento que temos para aumentar a competitivade do tecido empresarial. O secreto radica, segundo o catedrático, en aumentar a capacidade para cooperar, para o que é necesario mellorar a educación e a formación dos técnicos e universitarios: carreiras máis eficaces a todos os niveis, dominio de idiomas, mentalidade de innovación, … “Do trinomio I+D+i, a Investigación e Desenvolvemento tamén están na universidade, pero a innovación está nas empresas”, rematou.

Aqueles interesados poden descargar aquí a interesante presentación de Jorge G. Gurriarán.