Alessandro Martinez falou sobre o premio Europa per il Teatro

O pasado martes, día 15, tivemos a oportunidade de escoitar de primeira man a experiencia do premio ‘Europa para o Teatro’, un galardón creado en 1986 co apoio da Comisión Europea. O seu Secretario Xeral, Alessandro Martinez (Catania, 1959), foi o encargado de explicar a orixe e os avatares do que hoxe é o maior evento teatral europeo.

A conferencia, programada dentro do Foro Fundación Carlos Casares – Caixanova, desenvolvida no Centro Social que a entidade ten na Coruña, reuniu un público que viña, maioritariamente, do universo teatral: actores e actrices, asociacións profesionais, grupos de teatro independentes, críticos… O conferenciante foi presentado por Antonio Fernández-Campa, Seretario Xeral da Consellería de Cultura e Turismo, en representación do Conselleiro Roberto Varela, e recibiu a benvida de Ángel Martínez, Director da Zona de Caixanova para A Coruña.

“En 1985 a Cultura era unha voz que non existía na Comisión” -recordou Alessandro Martinez- “ata que Jacques Delors a impulsou creando o Comisariado de Cultura, Información e Comunicación e colocou na súa cabeza ao socialista Carlo Ripa di Meana”. Dende aquela a presenza da actividade cultural, e nomeadamente o teatro, foi unha lenta pero imparable marcha. Entre os momentos máis importantes da longa historia do premio, Martinez recordou dous de especial significación: a entrega do I Premio a Ariana Mnouckine (Théatre du Soleil) en 1987, e mais a décima edición do certame, en 2006, que tivo como protagonista a Harold Pinter, recén galardoado co Premio Nobel de Literatura.