Público asistente á primeira sesión de

O xoves día 11 iniciose no restaurante do MARCO, en Vigo, a xeira de O sabor das letras, un espazo de diálogo entre a literatura e a gastronomía, que forma parte das actividades do Café Voltaire da nosa Fundación. Daniela Sarraino, Presidenta da Agrupación de Amigos do Marco, deu a benvida e explicou as razóns da colaboración coa Fundación Carlos Casares no desenvolvemento desta nova actividade de lecer cultural que aumenta a oferta na cidade olívica. Gustavo Adolfo Garrido presentou ao condutor da sesión: Manuel Gago, xornalista, profesor, enogastrónomo e mantedor do excelente blog personal Capítulo 0, ademáis de director do portal culturagalega.org do Consello da Cultura Galega.

Manuel Gago nun momento da súa conferencia

Manuel Gago ofreceu unha viaxe por Galicia da man de textos de Carlos Casares e citas de Álvaro Cunqueiro e Alfonso Álvarez Cáccamo, combinando a produción vinícola actual coa trasformación de alimentos tradicionais do país, algúns esquecidos da memoria moderna. O branco nos lugares do tinto e o tinto nos lugares do branco, foi a proposta de Gago para acompañar unha fantasía de pratos fugaces e mínimos elaborados por Alfonso Botas: caldo de algas, polbo de Ons, salmón do Ulla, callos e ave, con bica de postre. Regados con grolos do branco de Terras Gauda e tintos Alma Larga, Goliardo Caíño, Torna dos Pasás, entre outros, para rematar cunha pinga de Málaga tostado, de MR.