Logotipo da campaña “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego” O pasado luns 22 de febreiro foi presentada a nova campaña da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para potenciar o “orgullo dos galegos e galegas pola nosa lingua”.

Baixo o lema “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego”, a campaña conta con figuras do audiovisual galego da pequena e gran pantalla, como Luís Tosar, Martín Rivas, Isabel Risco, María Castro, Belén Regueira ou Antón Reixa. A parte musical da campaña correrá a cargo da gaiteira Susana Seivane.

Xunto ás gravacións, o colectivo de docentes apostará tamén pola implicación “de toda a sociedade” a través da elaboración dos seus propios vídeos. Trátase, segundo o voceiro da Coordinadora, Miguel Outeiro, de que pais, alumnos e mestres elaboren “pequenas historias” nas que a única condición pasa por amosar o lema da campaña e, con el, o “orgullo de falar galego” na actividade da súa vida ordinaria.