Ignacio Torres, da Fundación Biodiversidad, no IV Ciclo Ciencia e Sociedade organizado pola Fundación Carlos CasaresEste é o lema baixo o cal se convocou este ano a que é xa a cuarta edición do Ciclo Ciencia e Sociedade, que se abriu martes día 2, na Sede Fundación Caixa Galicia de Vigo coa conferencia inaugural de Ignacio Torres Ruiz-Huerta, Actuacións da Fundación Biodiversidad: meta e obxectivos alén 2010. Torres é director de estudos e proxectos da Fundación Biodiversidad, ente público do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño do Goberno de España. Dende a súa creación en 1998 leva xestionado un milleiro de proxectos en España e noutros 60 países; programas propios ou en colaboración, algúns deles apoiados por fondos europeos.

Foi presentado polo profesor Cástor Gusiande, catedrático de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo, que este ano deseña e coordina o Ciclo, e centrou a súa intervención nas distintas metas e obxectivos da Fundación para os próximos anos. Moitos destes obxectivos pasan pola incorporación efectiva de directivas europeas, como a de aves, a de hábitats e a da Rede Natura ou Rede Esmeralda. Outras, máis específicas, procuran asegurar o pagamento por servizos aos ecosistemas ou a preservación do medio mariño.

Na opinión de Ignacio Torres hai que vincular xestión e investigación para conseguir eficacia nos proxectos de biodiversidade, non basta nin coas ferramentas lexislativas, como a lei 42/2007, nin con grandes plans xenerosamente dotados. O desenvolvemento futuro dos plans alén 2010 vai precisar profesionais ben formados, pero sobre todo, na opinión de Torres, con iniciativa e espírito emprendedor. A Fundación Biodiversidad, que destinaba nos últimos anos arredor de 4 millóns de euros para proxectos, verqueu todos os seus remanantes de 2009 na súa carteira de axudas, chegando á cifra histórica dos 12 millóns de euros. E para 2010 dispón de 6 millóns de euros para programas.