William F. Laurance na conferencia organizada pola Fundación Carlos CasaresOnte mércores, na segunda sesión do IV Ciclo Ciencia e Sociedade recibimos a visita de William F. Laurance, da Universidade James Cook de Cairns (Australia) e investigador do Instituto Smithsonian en Panamá e Brasil, premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento 2008 na categoría de Ecoloxía e Bioloxía da Conservación, que compartiu con Thomas E. Lovejoy. O tema da súa conferencia foi Novas ameazas e desafíos da investigación dos trópicos e nela abordou o estado actual das zonas tropicais de sudamérica e os posibles escenarios futuros, á luz das tendencias observables nos resultados das investigacións. “Cos datos históricos dispoñibles -sinalou Laurance- podemos facernos unha idea da posible situación dos trópicos a finais do século XXI, aínda que algúns dos múltiples modelos propostos sexan discutibles, pero non menos preocupantes”.

 Apoiándose nunha serie de estatísticas propias, o científico norteamericano debullou as actividades que ameazan a biodiversidade dos trópicos amazónicos,  e que constitúen os desafíos da investigación actual para dexergar os parámetros que nos informen do acertado ou errado das medidas conservacionistas gubernamentais.  Lumes que producen gases de efecto invernadoiro; fragmentación da floresta pola rede de autoestradas, que aumenta a súa fraxilidade; minería ilegal; deforestación por explotación excesiva da madeira para o mercado chinés… e un dato alarmante mostrado por unha recente investigación do seu equipo: cada habitante da Amazonía vai destruíndo máis floresta cada ano.

Non todo é negativo, pois as políticas conservacionistas van dando os seus resultados, sobre todo no Brasil. “As actitudes públicas están mudando nos países tropicais” -subliñou Laurance – “As taxas de Carbono e o mercado que a move poden axudar significativamente”. E un dato novo: O número e a área total de reservas ten aumentado, sobre todo se incluímos as terras en mans dos indíxenas e as semiprotexidas. Un escenario, en suma, con grandes retos e oportunidades para a investigación científica que hai que aproveitar, especialmente na opinión positiva que creará este Ano Internacional da Biodiversidade.