Presentación do libro “A abella abesullona”. De esquerda a dereita: Francisco Castro, Manuel Janeiro e Antonio García Teijeiro

O pasado xoves 27 recibimos no local da Fundación a un nutrido grupo de amigos e lectores de Manuel Janeiro co gallo da presentación da súa última obra dirixida ao público infantil e xuvenil: A abella abesullona, recén publicada pola editorial Galaxia na súa colección Árbore.

Franscisco Castro, coordinador de novos proxectos da editorial, comezou o acto felicitándose por contar cun escritor da valía literaria e humana de Manuel Janeiro, repasando a súa longa e fecunda relación con Galaxia dende os tempos de Carlos Casares, cando se botou a andar precisamente a colección Árbore, proxecto no que colaborou significativamente Antonio García Teixeiro, ao que cedeu a palabra.

“Nesta época de normalidade literaria, a literatura debe ser o asunto esencial, central, afastado de calquera moralina”, salientou García Teixeiro, para quen as obras deben ser “intelixentes, con estilo, que provoquen reflexión e sacudan os lectores”. O conto A abella abesullona cumpre, segundo el, con estes presupostos, ademais de manter o elemento afectivo durante todo o libro. Grazas a Janeiro, dixo, coñecemos unha abella que descobre a liberdade e a quere exercer, pero antes cómpre o seu compromiso coa colmea.

Manuel Janeiro, pola súa parte, preguntouse, como todo escritor: “de que trata unha obra literaria?, da historia que conta ou de como a conta?”. Na súa opinión das dúas cousas, pois o discurso do escritor é tan importante como o tema. “O libro infantil serve para moito, pero sobre todo un conto, na súa pequena dimensión, resulta un agasallo literario”, rematou. De seguido, como era obrigado, os asistentes compartiron co autor un pouco de queixo con mel.