Proxección do documental “O americano”, realizado polo taller audiovisual durante o Curso

Este ano, o punto final do VII Curso Universitario de Comunicación Audiovisual de Celanova foi posto, o pasado venres, polos oito alumnos do grupo do Taller Audiovisual coordinado polo profesor Paulino Pérez Feijóo. Alba Colino, Alba Somoza, Alexander Martín, Eladio Aristóteles Vega, Lucía Blanco, Marcos García, Noelia Lage e Rebeca Domínguez presentaron o froito do seu traballo, desenvolvido durante os tres días que durou o curso: O Americano, un documental de ficción de 12 minutos de duración realizado na vila de San Rosendo coa participación dos seus propios veciños.

O documental será proxectado publicamente, durante o verán, no Salón de Actos do mosteiro para que todos os habitantes de Celanova podan admirar o excelente traballo destes alumnos de Comunicación Audiovisual  da Universidade de Vigo, que é un produto orixinal cheo de humor e de chiscadelas á literatura e ao cine. En breve, poderase acceder a el dende a nosa páxina web. Vaia o noso máis cariñoso recordo para estes rapaces e rapazas que puxeron a guinda á sétima edición do curso de Celanova.