Xosé Luís Barreiro e Gabriel Rei-Doval participarán no Foro Mugardos Lingua e Sociedade

Entre as variadas e distintas voces que escoitaremos nas sesións do Foro Mugardos Lingua e Sociedade, que os vindeiros días 8 e 9 desenvolverán o tema do prestixio social do galego, están Xosé Luís Barreiro e mais Gabriel Rei-Doval, que xunto a Fernando Ramallo e Valentín García Gómez forman a lista de relatores galegos deste Foro.

Xosé Luís Barreiro Rivas (Forcarei, 1949) é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía. Profesor de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Docencia e Investigación da UIMP en Galicia. Politólogo, analista do xornal La Voz de Galicia e conferenciante distinguido, Barreiro foi deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia de 1981 a 1987, ostentando os cargos de conselleiro da Presidencia (1982-1986) e vicepresidente da Xunta de Galicia (1987-1988). Foi o responsable da posta en marcha de Televisión de Galicia. Entre as súas publicacións, fóra das especificamente xornalísticas, debemos salientar A terra quere pobo (Galaxia, 2004), coa que gañou o premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003; Vontade de nación. Conversas con Anxo Quintana (Arte e Ideas Difusora de Letras, 2008) e Ciencia Política e Ética do Poder (Ir Indo, 1991).

Gabriel Rei-Doval (Mugardos, 1967) é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Sociolingüística Hispánica na Universidade de Wisconsin – Milwakee (EUA). Con naterioridade ten ensinado lingua e cultura galegas no Queen’s College da Universidade de Oxford e mais na Universidade de Birmingham. A súa área de  investigación abrangue a sociolingüística e a historiografía lingüística. Na década de 1990 pertenceu ao Seminario de Sociolingüística da RAG, participando na elaboración do Mapa Sociolingüístico de Galicia (1990-97). É autor de A lingua galega na cidade no século XX. Unha aproximación sociolingüística (Xerais, 2007); editor de A lingüística galega desde alén mar (Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, 2009) e coautor, xunto con Fernando Ramallo e Xoán Paulo Rodríguez Yáñez, do Manual de ciencias da linguaxe (Xerais, 2006).