Avelino Muleiro, Jesús Mosterín e Guillermo de la Dehesa nos VIII Encontros de Mondariz-Balneario da Fundación Carlos Casares. Foto: HernándezDurante os días 19, 20 e 21 de outubro celebramos en Mondariz-Balenario a oitava edición dos Encontros que levan o nome da fermosa vila balnearia. Este ano o tema de reflexión era case obrigado: a crise económica global coa súa repercusión na actividade humana e as posibles vías de escape, que abreviamos no título “Crise de sistema. Novos paradigmas?”.

A expensas dunhas conclusións máis elaboradas e amplas, vallan estas con carácter urxente apenas unha semana despois do remate dos Encontros. Centrándonos na dimensión económica da crise, atopamos xa as seguintes converxencias e diverxencias. En xeral, os economistas “liberais” tenden a ver na crise as consecuencias dunha política económica equivocada, desenvolvida polos gobernos occidentais  -sobre todo polo dos EE.UU- cuxos trazos xerais serían: un incremento elevadísimo do déficit público -especialmente pola guerra de Irak-, unha política monetaria de moi baixos tipos de interese, un extraordinario desequilibrio comercial e a crenza inxustificada na superación da dinámica dos ciclos económicos. Pola contra, os economistas de tendencia “socialdemócrata” subliñan a importancia da desregulación dos mercados financeiros, o incremento superlativo da economía especulativo-financeira, e  a opacidade do sistema como causas da crise.

Os primeiros seguen a confiar no mercado como o mellor sistema posible para converter os intereses individuais en colectivos e promover unha asignación eficaz dos recursos. Un mercado que para o seu correcto funcionamento apenas require de regulacións puntuais: unha persecución máis eficaz e rigorosa dos delitos económicos e a diminución drástica do investimento público. Os segundos dan o sistema por acabado, incapaz como é de garantir unha distribución xusta da renda e un desenvolvemento ecosostible, e reclaman unha nova orde centrada na política e non na economía. Seguen a defender unha intervención selectiva da política económica estatal.

Maila tantas e fondas diverxencias ambos coinciden na necesidade de recuperar un certo control dos mercados financeiros -diminución do tamaño dos bancos e transparencia na súa actividade-, no novo mapa da distribución do poder económico mundial protagonizado por China e India, e de recuperar a economía produtiva -a industria vencellada ao I+D- como única vía posible para incrementar a competitividade das economías occidentais fronte aos novos titáns económicos. A consecuencia política máis salientable da crise económica é a desafección da política por parte da cidadanía, na que non atopan respostas ás súas demandas.

Sobre a situación cultural en que esta fonda crise nos deixa, algúns dos pensadores asistentes invitaron a perseverar nun humanismo que, fundado nos dereitos humanos, non confunda liberdade con desregulación, reivindique a práctica da política e troque a universalidade de dereito pola universalizabilidade de feito: o humanismo non se pode impor, senón que debe seducir, sumar pacificamente partidarios á súa causa.

José María Ridao, Xosé Carlos Arias, Antón Baamonde e Fermín Bouza nos VIII Encontros de Mondariz-Balneario da Fundación Carlos Casares