O profesor Hira de Gortari nas II Xornadas Luces e Sombras do Proxecto Ilustrado en EspañaEste martes,  día 9, comezaron na Sede da Fundación Caixa Galicia as xornadas Luces e Sombras do Pensamento Ilustrado que na súa segunda edición versan sobre o tema Un modelo de cidade para A Coruña. As xornadas, organizadas pola nosa Fundación, están patrocinadas pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e o Concello da Coruña e son coordinadas polo profesor José María Cardesín, da Universidade da Coruña. A inauguración correu a cargo do director do Departamento de Socioloxía e Ciencia Política e da Administración da UdC, Gerardo Hernández; a Concelleira de Urbanismo do Concello da Coruña e profesora do dito departamento, Obdulia Taboadela; o director da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido e mais o Coordinador das xornadas, José María Cardesín.

O doutor Hira de Gortari, catedrático de Historia do Urbanismo no Instituto de Investigaciones Sociales da UNAM (Universidad Nacional Autónoma de México), do que foi director, impartiu a conferencia inaugural co título As cidades coloniais: México no contexto de Latinoamérica, na que demostrou que os conceptos de capitalidade e centralidade existían xa, na súa plena significación, na mente dos ilustrados de Nova España. Engadiu, ademáis, que detrás do deseño implantado polos borbóns en América latexaba unha concepción clarísima de estado. “As Intendencias, -subliñou- que eran unha ferramenta de administración metropolitana cun sólido compoñente fiscal, estaban dirixidas a tomar o control do territorio e significaron un redeseño dos virreinados”. Salientou o conferenciante que o esquema das Intendencias non se crebou coa aparición do novo estado, logo da emancipación, senon que se mantén na estrutura política de México.

Nas súas investigacións, o profesor de Gortari ten posto de manifesto que a instauración da monarquía borbónica aumentou o grao de secularización da vida colonial, funcionando estas Intendencias como vehículo de introdución do estado moderno naquela sociedade enormemente xerarquizada. Este cambio fíxose visible na urbanización das cidades e no saneamento das contas do reino, a través do aumento da recadación fiscal. Á conferencia seguiu una animado coloquio cos asistentes.