O profesor Sambricio, presentado polo profesor Fernando Agrasar, pechou as xornadas sobre a Ilustración da Coruña

O peche das Xornadas Luces e Sombras do Pensamento Ilustrado en España, cuxa 2ª edición ven de celebrarse na Coruña sobre o tema Un modelo para a cidade da Coruña, correu a cargo de Carlos Sambricio R. de Echegaray, catedrático de Historia da Arquitectura e o Urbanismo na Universidade Politécnica de Madrid. O profesor madrileño, que foi presentado polo arquitecto Fernando Agrasar, profesor Titular da E.T.S.A. de A Coruña, disertou sobre A nova imaxe urbana na segunda metade do século XVIII. No inicio da súa conferencia salientou os factores que forzaron o cambio de mentalidade nos gobernantes dese período crucial: a necesidade de crear novos mercados e a busca de sistemas de transportes que unisen, con rapidez, os centros de produción aos de consumo. Proxéctanse as grandes canles da península ibérica, “verdadeiras autoestradas sobre auga, en moitos casos sobre leito de pedra e con menos de 3 metros de profundidade”; constrúense fábricas xunto ás canles e poboacións arredor das fábricas.

Segundo o profesor Sambricio, estes proxectos non só se fan en España senon que se estenden a América, movidos por un novo criterio que valora o concepto de colonización sobre o de extracción de materias primas e elaboración de produtos básicos. “As vivendas das novas poboacións son deseñadas con criterio de serie e repetición, como se pode comprobar por todo o Imperio.  Nace -engade o profesor- a noción de servizos nas cidades e as fábricas artéllanse a partir dun minucioso estudo do proceso produtivo”.

Coa chegada da Revolución Francesa todo cambia, sendo o novo criterio a representación democrática e a racionalización do sistema electoral, motor dunha mudanza que non se verá no urbanismo español ata ben entrado o século XIX. “Urbanizar -subliñou no remate da conferencia- é actuar nos tres planos: a grande, media e pequena escala, tendo en conta que a realidade vai máis adiante que calquera planificación urbanística”.

O venres, día 12, o público inscrito nas Xornadas realizou unha visia guiada pola Coruña da Ilustración, durante catro horas, onde atenderon a detalladas explicacións sobre cada un dos fitos que marcaron a imaxe da cidade.