Marcos Valcárcel no roteiro literario de Carlos Casares. Ourense, decembro de 2007

Hai pouco máis de dous anos, o 29 de novembro de 2008, no acto de homenaxe que se lle brindaba a Marcos na súa cidade de Ourense, dixéronse moitas cousas fermosas del, cariñosas descricións das múltiples facetas da súa vida. Eu, oíndoas debullar unhas tras doutras, tiven a impresión de que todas xuntas non conseguían dar máis ca unha imaxe aproximada do que había dentro do seu gran corazón. E así o dixen ao principio das miñas palabras de salutación e homenaxe.

Agora, nestes momentos tristes para a súa familia e tamén para todos nós, os seus amigos, quixera dicir algo sobre o que Marcos Valcárcel significa para a Fundación Carlos Casares, aínda sabendo que tamén será unha empresa incompleta. Dicir que Marcos estivo ao pé da obra desde os inicios da Fundación só nos fala do unido que estaba a Carlos Casares e do compromiso que adquiriu na preservación da súa memoria. Cando en 2004 decidimos crear o Centro de Estudos ‘Carlos Casares’ como unha extensión da Fundación en Ourense, Marcos encargouse da súa posta en marcha e coordinación. Da súa entrega xenerosa a este labor de axitación cultural saíron, ese mesmo ano, as Xornadas Carlos Casares e o Xornalismo Literario, e nos seguintes os ciclos A memoria e a literatura e mais Os medios de comunicación en galego hoxe. O profundo coñecemento que Marcos tiña do seu amigo Carlos Casares quedou de manifesto no magnífico Roteiro Literario que deseñou e dirixiu como colofón ao Simposio Internacional Carlos Casares, o 15 de decembro de 2007.

A noticia do progreso inevitable da súa enfermidade feriunos profundamente. Non queriamos aceptar a perda dunha persoa tan próxima e leal coma el, sempre xenerosa coa Fundación e coa lembranza de Carlos Casares. Aínda puidemos gozar da súa compaña durante os VII Encontros de Mondariz-Balneario, no outono de 2009, onde el e María, a súa esposa, asistiron ás sesións e coloquios.

Espero que con estas palabras vos fagades unha idea do importante que foi para nós Marcos Valcárcel, como amigo e intelectual galeguista, e tamén da importancia que lle damos á súa explícita testemuña de valentía. Aínda tardaremos en ser conscientes da verdadeira dimensión da figura de Marcos Valcárcel. Non vexades nisto unha simple afirmación retórica, senón a constatación dun feito común ás grandes personalidades que traballaron sen ruído pero decididamente por un país.

Kristina Berg
Presidenta da Fundación Carlos Casares