Agustín Pérez Rubio foi presentado por Encarna Lago

Outro dos acontecementos salientables co que rematamos o exercicio 2010 foi o Foro Fundación Carlos Casares – Caixanova que, baixo o lema de Estratexias de promoción cultural , se celebrou os días 22 e 23 de novembro e 16 de decembro no Centro Social da entidade financeira en Santiago do Compostela . O peche desta segunda edición correu a cargo de Agustín Pérez Rubio, director do Museo de Arte Contemporáneo de León (MUSAC), quen foi presentado por Encarna Lago González, xerente do Museo Provincial de Lugo e da Rede Museística da Deputación Provincial.

Agustín Pérez, que ascendeu ao cargo en 2009 dende o seu posto de Conservador xefe,  no que desenvolvía o seu labor dende os inicios do MUSAC en 2005, disertou sobre Estratexias de promoción cultural desde a óptica dun museo global, tomando o exemplo do seu centro. Na súa exposición partiu da idea chocante da posta en marcha dun centro das características do MUSAC nunha cidade de apenas 130.000 habitantes, que non é capital rexional e co handicap de compartir espazo na comunidade de Castela-León con outros catro centros xa consolidados e con programación estable e de calidade. O traballo levouse a cabo con éxito grazas a unha intelixente estratexia que permitiu, por unha banda, moverse con diplomacia, pero tamén con firmeza, nun medio político afeito a confundir a  promoción cultural co turismo cultural e, por outra, realizar unha programación inclusiva que non deixou fóra ningunha capa da cidadanía.

En palabras de Pérez Rubio, un museo é unha convención, un concepto decimonónico, certo, pero un ente vivo que muda. Calquera acción do MUSAC debe ser moi meditada e sempre levará un discurso explícito. “Para un mesmo proxecto temos feito cinco notas de prensa diferentes -dixo- o que dá unha idea do amplo abano de públicos ao que nos diriximos”. Gratuidade, traballo en rede  e programación inclusiva son tres palabras que, a xuízo do conferenciante, informan da esencia do éxito do MUSAC, que ten recibido 700.000 visitas durante os cinco anos de existencia.