O vindeiro venres 27 de maio ás 11 horas no salón de actos da Facultade de Belas Artes de PontevedraGiovanna Giusti dará unha charla sobre cuestións museolóxicas da Galería dos Uffizi, con especial atención á metodoloxía de traballo a través dun caso práctico: a exposición “Autoritratte: Artiste di capriccioso e destrissimo ingegno“.

Giovanna Giusti é Historiadora da Arte e Directora do Departamento de Arte do século XIX e colección contemporánea da Galería dos Uffizi de Florencia. Os seus estudos sobre o Renacemento, e o Cinquecento en especial, transcenden o ámbito investigador reflectíndose, de maneira natural, na súa experiencia museolóxica como comisaria na institución florentina, e tamén no labor académico que desenvolve na California State University da capital da Toscana como profesora de Historia da Arte.

Entre os seus traballos salientamos, tan só como unha mostra, o libro Dolci a Corte (Editorial Sillabe, 2001), unha apaixonante guía pola iconografía dos doces nos fondos dos Ufizzi, obra sobre a que erguerá a sesión de O Sabor das Letras do día 26; e tamén a exposición “Autoritratte. Artiste di capriccioso e destrissimo ingegno”, que reuniu na Galería dos Uffizi entre decembro de 2010 e xaneiro de 2011 oitenta autorretratos de  pintoras dos séculos XVI a XIX, algúns deles mostrados por primeira vez ao público.

Presentada pola profesora Silvia García, a charla está dirixida aos alumnos e alumnas da Facultade, pero tamén ao público interesado.