O vindeiro sábado 25 de febreiro ás 12 horas do mediodía celebrarase o acto do ingreso como membro de número da Real Academia Galega do filólogo Henrique Monteagudo Romero. O lugar escollido para a ocasión será o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia. No acto, Monteagudo lerá o discurso Facer país co idioma, que será respondido pola académica Rosario Álvarez Blanco.

Henrique Monteagudo licenciouse en Filoloxía Hispánica (galego-portugués) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1981, e traballou como investigador do Instituto de Lingua Galega a partir de 1982. En 1995 douturouse  pola USC e pasou a ser profesor titular de Filoloxía Galega na dita universidade. Actualmente é coordinador da Sección de Lingua no Consello da Cultura Galega, no que foi secretario,  dirixe o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e forma parte do Consello de redacción da revista Grial. En 2011 foi nomeado padroeiro da Fundación Carlos Casares, na que ostenta o cargo de secretario.