O pasado xoves 23 de febreiro o Centro PEN de Galicia anunciou os IX Premios Rosalía de Castro, organizados pola institución en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os galardóns, cuxo obxectivo é dar recoñecemento, dende a literatura galega, a escitores de sistemas literarios da veciñanza, recaeron este ano en:

María Esther Vázquez, escritora arxentina que logrou grande éxito coas súas biografías (Borges, esplendor y derrota) ademais de contar cunha importante obra narrativa (La memoria de los días; Crónicas del olvido…).

José Viale Moutinho, poeta e novelista portugués con gran vinculación a Galicia (é membro de honra da Real Academia Galega), que participou nos II Diálogos Literarios de Mariñán en 2005.

Enric Casasses, poeta, narrador, tradutor e dramaturgo catalán, considerado como transgresor na súa posta en escena. Premio da Crítica por No hi érem, participa en numerosos proxectos culturais de vangarda.

Miren Agur Meabe, que participou nos I Diálogos Literarios do Gaiás en 2011, desenvólvese no ámbito da xestión editorial e ten publicado poemarios como Azalaen kodera (O código da pel), e literatura infantil e xuvenil (Amal).

Os premios Rosalía de Castro foron instituídos polo Centro PEN de Galicia en 1996 a iniciativa de Carlos Casares no momento en que era presidente da dita institución. A entrega dos premios terá lugar nun acto literario, organizado polo Centro PEN, no Salón Nobre de Fonseca durante o próximo mes de setembro.