O pasado 9 de marzo celebráronse multitude de actos en recordo de Carlos Casares tras dez anos do seu inesperado falecemento.

Ás 12.30 horas, no cemiterio de Nigrán, amigos e veciños de Carlos Casares acompañaron á súa familia nunha ofrenda floral e na lectura do poema “Tan cinsento desamparo” de Luís G. Tosar por parte do director da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido. No acto estiveron presentes, entre outros, Anxo Lorenzo en representación da Consellería de Cultura, José Luís Troitiña (Liceo de Ourense), Román Raña (PEN Clube de Galicia), etc.

En Xinzo de Limia, como remate da Semana de Homenaxe a Carlos Casares, tivo lugar o faladoiro público “Carlos Casares, intelectual e literato” a cargo de Xavier Casares, Luis G. Tosar, Antón Riveiro Coello, Gonzalo Iglesias Sueiro, Xosé Carlos Caneiro e Delfín Caseiro, seguido dunha cea de confraternización na que participaron, ademais, o alcalde de Xinzo de Limia e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ao mesmo tempo, no hotel A Quinta da Auga de Santiago de Compostela, proxectouse o vídeo en homenaxe a Carlos Casares titulado “No tren de Carlos Casares“, no marco da Noite da Edición, acto organizado pola Asociación Galega de Editores. O audiovisual, de fermosa factura e alta calidade, foi realizado por Illa Bufarda e arrincou emotivos aplausos do público asistente.

Tamén cabe salientar a pequena homenaxe na Casa da Cultura Ignacio Aldecoa Kultura Etxea de Vitoria-Gasteiz que o escritor Bernardo Atxaga realizou de forma espontánea á figura de Carlos Casares. En colaboración cos traballadores da biblioteca, creou un pequeno espazo dedicado a Casares cunha nota biográfica e as súas obras.

A estos actos de recordo hai que sumarlle as numerosas iniciativas individuais, tanto da prensa como dos amigos de Carlos Casares. Cabe destacar a columna de Juan Cruz e un artigo informativo de Xosé Manuel Pereiro no xornal El País, o escrito da profesora Camiño Noia, a columna de Ramón Rozas no Diario de Pontevedra, o artigo de Manuel Bragado no Faro de Vigo, a publicación dunha entrevista inédita a Carlos Casares por parte de Ramón Loureiro en La Voz de Galicia, etc.

Por último, non podemos esquecer a fermosa publicación do libro Carlos Casares en La Voz de Galicia, con textos de Xosé Luís Barreiro, Xesús Fraga e Kristina Berg, onde aparece unha selección de 59 marxes de Carlos Casares divididos en varios temas precedidos de ilustracións de Meixide, Kiko da Silva, Xaquín Marín, Abraldes, Leandro, Pinto & Chinto, Matalobos, Pepe Barro, Siro e Xosé Tomás.

A todos eles, a todos vós, moitas grazas.