José María Merino (A Coruña, 1941) é esritor e licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e realizou a súa actividade laboral no Ministerio de Educación. Iniciouse como escritor a través da poesía, publicando o primeiro poemario en 1972, cando tiña 31 anos de idade. Pronto abandonou a poesía pola narrativa, dándose a coñecer  en 1976 con Novela de Andrés Choz , que recibiu o Premio Novelas y Cuentos. A súa carreira literaria desenvolveuse, desde entón, non só a través da novela e do relato curto, senón tamén a través do ensaio e, ultimamente, do microrrelato.

Foi director do Centro de las Letras Españolas do Ministerio de Cultura e colaborador da UNESCO en proxectos para Hispanoamérica. Desde o ano 2008 é académico numerario da Real Academia Española. Foi Premio Nacional da Crítica en 1985 con La orilla oscura e Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil con Los trenes del verano – No soy un libro. No eido dos relatos tamén foi galardoado, recibindo en 2002 o VII Premio NH de relatos por Días imaginarios. Tamén recibiu o Torrente Ballester en 2006 por El lugar sin culpa e mais o Premio Salambó en 2008 por La glorieta de los fugitivos: minificción completa. Tamén recibiu o Premio da Fundación Germán Sánchez Ruipérez en 2009.

O conto converteuse para Merino nun obxecto de reflexión e de experimentación. Hoxe é sen dúbida un dos maiores especialistas do xénero dentro da literatura en español. No seu último libro de relatos, El libro de las horas contadas, publicado en 2011, artella unha trama novelesca a través de protagonistas comúns a todos eles.

O paso temperán e drástico da poesía á narrativa é, sen dúbida, un punto común entre Casares e Merino. Tamén o son o amor polas viaxes e unha mestría compartida como narradores orais. Non estraña, pois, a admiración mutua que presidiu a súa relación de amizade.