Bieito Iglesias (Quintán, Ourense, 1957) é escritor e Catedrático de Lingua e Literatura galegas en Santiago de Compostela. Colabora como articulista en diversos xornais e revistas galegas, como La Voz de Galicia, Tempos Novos ou Grial, onde verte a súa rica e rotunda oralidade sen perda da forza suxestiva que demostra na conversa ou na charla formal. Bieito Iglesias é un entusiasta cultivador do relato, xénero ao que lle ten dedicado algúns dos seus mellores títulos, desde que gañara en 1988 o premio de relato breve ‘Modesto R. Figueiredo’ con “Luanda”. Cinco son, polo momento, os libros que acollen os seus relatos: Aventura en Nassau (1991), Miss Ourense (1994), Conta os latidos (1995), Amor e música lixeira (2004) e Contos da terra da tarde (2011).

Como novelista, Iglesias utiliza aspectos personais e xeracionais e os engarza nunha urdime moi elaborada onde está presente a ironía e o disparate, que agroman dunha realidade crúa e moitas veces paradoxal. Entre as súas novelas salientan Vento de seda (1992), que abriu o camiño; O mellor francés de Barcelona (1999), traducido ao castelán en 2010; A historia escrébese de noite (2001), que foi Premio García Barros, e Pan e Coitelo (2008), un orixinal exercicio de novela negra. Tamén fixo unha incursión na literatura infantil e xuvenil con A noite das cabras do aire, novela coa que gañou o Premio Merlín en 1999, e incluso probou con éxito a escrita en castelán cun tema de transfondo autobiográfico: Bajo las más bellas estrellas (2000), que recibiu o Premio Ciudad de Salamanca.

Partillaba con Carlos Casares a afección polos faladoiros demorados, algunhas pasións  literarias e, sobre todo, a devoción pola figura de Arthur Conan Doyle. Tres devezos que alimentaron unha profunda relación de amizade entre ambos. De feito, Casares entregoulle a responsabilidade da tradución da Biblioteca Sherlock Holmes impulsada desde Galaxia e que recolleu a obra canónica do xenial escritor británico.