Onte, 9 de xullo, foi presentado no salón “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o IX Curso Universitario de Verán: “Crise vs. Creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego”, que se celebrará os vindeiros días 18, 19 e 20 de xullo.

No acto, que tivo un momento de recordo a Kristina Berg, estiveron presentes o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; o coordinador do curso e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras; o director da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido; e mais Paulino Pérez Feijóo, director do taller audiovisual “Celanova: plató de ficción”, que varios alumnos da Facultade de Comunicación Audiovisual rodarán durante a celebración do Curso.

Para este ano, o curso abordará, a través da análise das últimas producións audiovisuais galegas en diversos formatos (documental, longametraxe, animación, etc.), como o contexto de crise non afecta o talento.

Os interesados en apuntarse ao Curso, dirixido aos estudantes universitarios pola obtención de créditos, pero tamén a calquera persoa interesada no mundo do cine,  teñen de prazo ata o día 18 de xullo e poden inscribirse seguindo as instrucións que aparecen na páxina da Vicerreitoría do Campus de Ourense.