Dende onte día 9 e ata o vindeiro 13 de outubro terá lugar a XIX Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Casas-Museo e Fundaciones de Escritores, ACAMFE. Os actos iniciáronse en Santiago de Compostela, continuando o día 11 as súas sesións e actividades nas cidades portuguesas de Familicão e de Guimarães, Capital Europea da Cultura 2012.

A ACAMFE, creada en 1993, está formada por 43 entidades culturais, 10 delas da Comunidade Autónoma de Galicia. Dúas son Casas-Museo: A de Ramón Cabanillas (Cambados) e a de Emilia Pardo Bazán (A Coruña), e oito fundacións: Curros Enríquez (Celanova), Otero Pedrayo (Amoeiro), Vicente Risco (Allariz), Eduardo Pondal (Ponteceso), Rosalía de Castro (Padrón), Carlos Casares (Vigo) e Valle-Inclán (Vilanova de Arousa), ademais do Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal).

Nesta edición terá lugar un evento de suma importancia. O día 11 de outubro ás 19.30 horas terá lugar o referendo do Protocolo de Constitución da AICAMFE (Asociación Ibérica de Casas-Museo e Fundacións de Escritores), que englobará, por vez primeira, institucións portuguesas. Esta iniciativa, de alto interese para as fundacións galegas pola súa proximidade tanto lingüística como cultural, é un fito alcanzado pola boa xestión da directiva, renovada hoxe mesmo nos seus cargos, formada por Antonio González Padrón da Casa-Museo León y Castillo de Las Palmas (presidente); Antonio Ramírez Almanza da Fundación Casa-Museo Zenobia y Juan Ramón Jiménez (vicepresidente); Antonio Piñeiro Feijóo da Fundación Curros Enríquez (tesoureiro); Pilar Bravo Lledó do Arquivo Histórico Nacional (secretaria); e Ibon Arbaiza da Fundación Blas de Otero (vogal).

Enlace: Programa da XIX Asemblea Xeral Ordinaria da ACAMFE