Detalle 1 de cartelEsta tarde, ás 20:30 horas, o Centro Dramático Galego estrea no Teatro Principal de Ourense  As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a famosa obra de Carlos Casares publicada pola editorial Galaxia en 1973 e que recibiu o premio da Asociación Cultural “O Facho” no certame de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade, convocado ese mesmo ano.

As laranxas… é a segunda obra do xénero LIX de Casares, e veu despois de A galiña azul (Galaxia, 1969), abrindo ambas unha fiestra pola que o escritor ourensán entrou con frecuencia no mundo da xente miuda. Recordemos O can Rin e o lobo Crispín (1983); os cinco “Toribios” que publicou entre 1991 e 1994, e máis Lolo anda en bicicleta (Galaxia, 1996). Debemos destacar tamén que un ano antes de As laranxas…, Casares traduciu e publicou O principiño (Galaxia, 1972), de Antoine de Saint-Exupéry; en 1989 Os escarabellos voan á tardiña (Ediciones SM), da escritora sueca María Gripe; e aínda vertería ao galego Doménica (Espasa-Calpe, 1999), de Gonzalo Torrente Ballester.

Detalle 2 do cartelO que imos ver esta tarde no Teatro Principal de Ourense da man de José Caldas na dirección escénica e de Bernardo Martínez na dirección musical, é a montaxe actualizada da famosa obra, que os propios Caldas e Martínez nos trouxeran en 2004, cun novo elenco formado por Alba Blanco, Alberte Cabarcos, Davide González, Alén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde. Eles, xunto cos técnicos e demáis persoal, forman a vintena de profesionais que nos farán pasar esta tarde unha velada inesquecible con Carlos Casares.

Logo, o expectáculo sairá de xira por Galicia adiante, e fará funcións en Vilagarcía, Narón, Pontevedra, Vigo, Viveiro, Tui, O Barco de Valdeorras, Rianxo, A Estrada e Santiago de Compostela, onde pechará o ano.

Desde a Fundación non podemos menos que agradecerllelo aos actores, directores e a todas aquelas persoas que fixeron posible semellante alegría. Quedamos obrigados con todas elas e especialmente con Manuel Guede, o director do Centro Dramático Galego, en quen nos gustaría simbolizar este esforzo colectivo, pois leva moitos anos perseguindo soños coma este.

Detalle 3 do cartel