L959_S4_Cesar-C_re_300KB

O pasado xoves, 26 de marzo, César Cunqueiro conducíu a cuarta e última sesión do ano de O Sabor das Letras, o mix de literatura e gastronomía do Café Voltaire, que vimos organizando en parcería coa Agrupación de Amigos do Marco desde febreiro de 2010, e coa colaboración do restaurante do MARCO. Coa sesión de Cunqueiro, titulada Dionisos á conquista do mundo, ábrese unha paréntese xa necesaria, como destacaron Daniela Sarraino, presidenta da AAM e máis Gustavo-Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, un tempo sufiente para revisar os cinco anos transcorridos e repensar o futuro formato da actividade.

Durante estes cinco anos (e pico de ave, que diría Álvaro Cunqueiro) recibimos uns corenta conferenciantes, porque algúns repetiron, como Manuel Gago, Xavier Castro, Xesús Fraga e o propio César Cunqueiro; pero tamén se fixeron sesións con máis dun relator, por exemplo, a de Miguel Oliveira con Carlos L. Bernárdez, e as dúas recentes dedicadas aos viños de terroir. Tamén se ofreceron uns douscentos vinte bocados diferentes, saídos das mans da media ducia de cociñeiros que desde 2010 ata hoxe transformaron en pequenas delicias as peticións dos conferenciantes. Todo isto servirá de substrato para o futuro novo Sabor das Letras.

L970_S4_Cesar_Cunqueiro_360KB

Dionisos foi, da man de César Cunqueiro, o protagonista da sesión, nas formas e circunstancias máis arcaicas desta deidade transformada, co paso do tempo, no inspirador da irmandade de Baco, dun sacerdocio mediado polas bacantes e, ao cabo, nun concepto superficial, baleirado de contido clásico polo pensamento cristiá e repetido unha e mil veces na iconografía barroca, moderna e por suposto na contemporánea. Unha transformación que se nota, entre outras liturxias, na máis auténtica: a libación e goce do viño, que hoxe faise en forma de degustación de caldos exquisitamente seleccionados, en contraposición flagrante do consumo clásico dun viño natural rebaixado con auga, o cal permitía a libación continuada e desbordante nunha ceremonia máis parecida a unha bacanal que a unha cata. Esta foi unha das chaves do discurso do conferenciante.

L973_S4_Cesar_Cunqueiro_370KB

No apartado dos bocados, preparados por Miguel Oliveira, destacamos a Crema de ovas de xarda, de nome grego Tamarosaláta; a Xarda marinada con figos e  vinagre balsámico, en grego Sardéles marinátes me síka ksídi balsámiko, elaborada a partir de conserva da marca Pay Pay, e máis os Buñuelos de mel e laranxa, Lukumádes me mélike trimeno portokali, especialmente sabrosos.

L961_S4_Cesar_Cunqueiro_390KB

L987_S4_Cesar_Cunqueiro_350KB

A sesión fluíu con total precisión, coma sempre sucede cando detrás hai un bo equipo. Por iso temos que darlle as grazas a Esperanza, Sandra, Diana e Joaquín, que conseguiron que o tránsito da cociña á sala transcorrese con naturalidade. Tamén grazas ao persoal do MARCO: Amaya Martínez-Randulfe que coordina as entradas cos postos das mesas; e os técnicos Paul Guy e José Carrera, que aseguran que exista son e imaxe. Aos bolseiros da AAM, Sara González e Rubén Vila, que elaboran a información impresa e dixital. A Miguel Valverde e Mar Castro, da Fundación Carlos Casares, que velan pola correcta marcha das fases previas ao inicio da sesión. E, por suposto, á participación e o entusiasmo do público. A eles dedicamos o noso esforzo e a xenerosidade dos nosos patrocinadores: a Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e as adegas colaboradoras: Adegas Terras Gauda; Martín Códax; Paco & Lola, nos que queremos representar a tantas outras empresas que nos mostraron a súa amizade durante estes cinco anos. Con todas elas e con todos vós quedamos obrigados.

L957_S4_Cesar_Cunqueiro_350KB