CeMAC 2016 A3_color_finalDo 5 ao 8 de xullo de 2016 terá lugar no Auditorio Municipal Iludara de Celanova (AMIC) a decimoterceira edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2016), Curso de Extensión Universitaria  organizado pola Cátedra Carlos Casares e a Universidade de Vigo no seu campus de Ourense. Está dirixido polo crítico de cine e profesor de Comunicación Audioviual, Miguel Anxo Fernández.

Este ano o título do CeMAC, dirixido a estudantes e profesionais do sector audioviusal, levará por título: “Audiovisual galego en feminino. Singularidade e diversidade”. Segundo a súa lenta pero constante incorporación ao sector dende os anos 80, por fin deixou de ser unha novidade para virar a común e puxante. A plena participación  actual no sector achega unha saudable singularidade e diversidade que este curso considera dignas de poñerse en valor.

A duración do curso será de 30 horas, con validación de 2 créditos de libre configuración ou 1 crédito ECTS. As cotas de inscrición varían entre os 39 e os 60 euros, e existe a posibilidade de reservar transporte dende Ourense e aloxamento gratuíto no albergue municipal de Celanova durante a celebración do Curso.

TALLER AUDIOVISUAL

O Curso compleméntase co taller “Celanova: plató de ficción”, dirixido por Paulino Pérez Feijó. Esta actividade, que se vén realizando dende 2010 ao abeiro do Curso, é unha experiencia eminentemente práctica dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e ten como obxectivo a produción dun contido audiovisual  nun tempo determinado e cun orzamento pechado. Neste caso, baixo o título “Prevenidos”, estrearase o primeiro capítulo desta webserie durante a celebración do CeMAC.