prevenidos_4bTras semanas de organización e nervios chegou a hora da verdade o día 5 de outubro, ás 20 horas, nun Teatro Principal de Pontevedra practicamente cheo. O equipo do taller audiovisual “Celanova: plató de ficción” facía a estrea da webserie “Prevenidos“, rodada e producida durante o XIII Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova (CeMAC 2016). E, seguindo o ton da webserie, esta estrea non podía obviar o humor que inundou o acto.

Realizouse unha performance durante os primeiros minutos, nos cales os actores fixeron unha entrada ante o público xa sentado, actuando como os propios personaxes e levantando risos e aplausos. Despois proxectouse por primeira vez a totalidade dos capítulos da serie, que narra as desventuras dun equipo de gravación en condicións precarias e as disparatadas situacións que provocan as relacións que xorden entre as distintas e complicadas personalidades.
Tras a hilarante proxección dos catro capítulos de 15 minutos, subiron os responsables de que “Prevenidos” sexa unha realidade. En primeiro lugar interviu o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido, en representación do presidente da fundación, Xavier Casares, agradecendo o apoio dos patrocinadores e o esforzo do equipo de alumnos de Comunicación Audiovisual da UVigo e aos actores da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Tamén interviu Jacobo Sutil, que falou do compromiso do AGADIC co audioviusal galego. Por último falou o director do taller audiovisual, Paulino Pérez Feijoo, xunto coa directora da webserie, Lucía Estévez e a produtora Araceli Louro.