Viquingos sanguinarios, curas inquisidores, republicanos, fidalgos e masóns xúntanse nas páxinas d´Os escuros soños de Clío, un exercicio de ficción histórica en forma de pequenos relatos publicado orixinalmente por Edicións do Cerne en 1979.

Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela.

Dixeron del

“…bromas gastadas á Historia con enxeño xoguetón e perspicaz, cunha graza de fondas raíces que, se unha se enrosca no corazón a outra se crava na intelixencia, e dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura”.
Gonzalo Torrente Ballester

“O certo é que Casares escribiu este libro sen darlle gran importancia, por pura diversión. E aínda que estaba, como dixen, moi contento del, definíao simplemente como «unhas coñas que me apeteceu escribir». En ‘Os escuros soños de Clío’ condénsase un retrato literario de Carlos Casares, pero tamén o retrato persoal dun home alegre, culto e degustador das cousas curiosas e dos personaxes pouco convencionais como os que aparecen nestas páxinas”.
Damián Villalaín. La Voz de Galicia, 2002.

“Cunha prosa sinxela, na aparencia, traza Casares uns relatos lúdicos, lendarios, ás veces, humorísticos, de fonda sinceridade, ateigados de lirismo e tenrura”.
Xosé M. Fernández Costas. Profesor e crítico literario.

“Unha ducia de relatos marabillosos co engado desa rede tan borgiana da referencia histórica que funciona como soporte verificador dunha realidade imposible, soñada para Clío, a musa da Historia”.
Antón Riveiro Coello. Escritor