Quince ensaios de pequena extensión compoñen Un país de palabras, unha colección editada por Galaxia en 1998. Casares xunta neste volume o seu amor polos aspectos menos usuais da historia e os costumes de Galicia e, sobre todo, a admiración pola literatura e os amigos.

Percorren as páxinas de Un país de palabras escritores clave na literatura galega e portuguesa cos que Casares tivo unha relación privilexiada, como Miguel Torga, un ancián Cunqueiro, un Otero Pedrayo case espectral ou un divertido Basilio Losada, ou faladoiros con Vicente Risco, Ramón Piñeiro e Gonzalo Torrente Ballester separadas por medio século no tempo. As anécdotas e o humor, ademais da reflexión, sérvenlle ao autor para facer comprender mellor o peso destas figuras no contexto da cultura galega.

Tamén se recollen reflexións da literatura propia e allea, como detalles sobre como se debuxou o perfil do bispo que protagoniza Ilustrísima, un dos personaxes máis recoñecibles da creación de Casares; ou da influencia familiar no seu xeito de armar un relato. Completan o libro textos sobre a historia de Galicia, a sociedade ou a relixión, debulladas coa prosa transparente de Casares e unha erudición sempre próxima ao lector.

Dixeron del

“Un verdadeiro monumento de papel e de tinta”.
Ramón Loureiro. Escritor e xornalista

“Carlos sabía contar, y también las exigencias de un buen cuento”.
Antonio Pereira