Carlos Casares publicou en 1968 A galiña azul, libro fundacional na literatura infantil galega, lido desde entón por milleiros de nenos do país. Tirando do fío desta obra pioneira, a Real Academia Galega acaba de poñer a punto a web Primavera das Letras 2017, na que se reúnen recursos didácticos e lúdicos, perfís biográficos e bibliográficos, textos e outros materiais destinados a dar a coñecer entre os máis pequenos a figura do autor, homenaxeado este ano polo Día das Letras.

A web foi presentada o martes 21 na biblioteca do CEIP Carlos Casares en Nigrán (Pontevedra), localidade na que viviu o escritor desde os anos oitenta. Ao evento asistiron Håkan Casares Berg, fillo do escritor e administrador da Fundación Carlos Casares; o presidente e o secretario da Academia, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo; o alcalde de Nigrán, Juan González; e integrantes da comunidade educativa do colexio nigranés, que nestes momentos acolle tamén a exposición O Principiño ao redor do mundo, con volumes da colección persoal do autor.

Primavera das letras, que se puxera en marcha en 2016 con motivo da homenaxe a Manuel María, vai destinada á comunidade escolar en sentido amplo, e conta con materiais atractivos tanto para os nenos e nenas como para docentes de infantil e primaria, nais e pais. Estes últimos teñen á súa disposición fichas didácticas sobre os libros de Casares; materiais interactivos en competencias artísticas, científicas ou sociais; e unha guía de recursos na rede. A intención da Real Academia Galega é incorporar paulatinamente novos contidos ao portal, ata a data de celebración do Día das Letras, o 17 de maio.

Neste mesmo sentido, a Fundación Carlos Casares acaba de habilitar no seu sitio web un apartado específico dedicado aos recursos didácticos. Nel iranse recompilando as múltiples propostas que xa están xurdindo ao redor da figura homenaxeada con motivo das Letras Galegas 2017.

Imaxes: Real Academia Galega