Rin é un can vello e forte que sabe falar (e rezar) en varios idiomas e se relaciona cos persoeiros máis importantes da provincia. Xeneroso e ben disposto, dunha vez vese na obriga de ir buscar ao médico para atender á doente Palmira de Ignacio. Camiño da casa da enferma aparece o malvado lobo Crispín, ao que Rin fará fronte con afouteza.

O can Rin e o lobo Crispín emprega os mellores recursos da literatura oral e unhas pingas de surrealismo para contar unha historia divertida que transcorre nun ambiente rural. Galaxia editou esta terceira creación infantil de Carlos Casares en 1983, con debuxos de Pedro de Llano, e a obra foi traducida a diversos idiomas, coma castelán, o catalán ou o euskera.