O CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña e o IES Carlos Casares de Vigo foron os gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O certame consistía na elaboración de 10  carteis sobre a obra do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras, e dun caderno didáctico interpretativo.

O traballo gañador na categoría A (educación infantil e primaria) foi o elaborado polo CEIP Anxo da Garda coruñés baixo o título Carlos Casares, un escritor desta Galaxia. Mentres, Carlos Casares Mouriño, coleccionista de historias, do IES Carlos Casares vigués, foi o vencedor na categoría B, composta por centros de ESO, bacharelato, FP e restantes centros de ensinanzas especiais. O centro olívico conta, ademais, cunha interesante web repositorio de recursos didácticos e actividades relacionadas co autor, a Galaxia Casares.

Con este concurso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretendía poñer en valor tanto a obra literaria de Casares como a situación sociolingüística da época na que lle tocou vivir. Os centros gañadores recibirán un premio en metálico de 2.000€, mentres que os profesores implicados na iniciativa verán recoñecido o seu traballo cunha certificación á innovación educativa equivalente a 20 horas de formación permanente do profesorado.

Ilustración: IES Carlos Casares (Vigo).