Carlos Casares publicou en 1994 o texto O galo de Antioquía, facendo parte da colección de relatos curtos ‘Os contos do Castromil’, patrocinada pola empresa de transportes. A obra, de 40 páxinas na súa reedición de 2003, é un bo resume de moitos dos temas tocados pola narrativa do autor ao longo da súa traxectoria: a intransixencia fronte a unha mirada compasiva sobre a vida, a fantasía, o humor absurdo e a amizade, situados todos eles, unha vez máis, no pano da paisaxe vilega de Xinzo de Limia, onde Casares pasou a súa infancia.

Conta O galo de Antioquía unha historia do século XVII que ben podería ter feito parte do xogo pseudo histórico de Os escuros soños de Clío: o ferreiro Antonio Mardarro, O Calatrón, comeza a poñer ovos e, de xeito inexplicable, inicia a súa conversión en galo. Tras comentarlle o asunto ao cura da parroquia (un don Marcelo que recorda a tranquilidade e a bondade do protagonista de Ilustrísima), o caso cae nas mans da Inquisición e remata nun auto de fe na Praza Maior da capital da Limia. O ferreiro-galo garda, porén, un as na manga para o derradeiro instante de padecemento.

Dixeron del

O conto de ‘O galo de Antioquía ten’, ao meu parecer, elementos esenciais da prosa do meu pai e tamén da súa personalidade. En canto ó humor, compartía na súa vida e cando escribía o gusto polas situacións absurdas e surrealistas, os personaxes pintorescos, dos que por certo moitos eran de Xinzo, e tamén os curas. O outro tema deste conto é esa concepción da intolerancia como o gran mal das persoas, xerme do fanatismo, da violencia, da inxustiza e do sufrimento.

Håkan Casares