O estudo sobre Ramón Otero Pedrayo culminou en 1981 a serie de biografías sobre persoeiros galegos que Carlos Casares Mouriño escribiu para a colección Conciencia de Galicia, editada por Galaxia. Trátase neste caso dunha obra de maior extensión e detalle que as dúas anteriores, centradas en Manuel Curros Enríquez e Vicente Risco. Nela, a precisión do biógrafo imprégnase da sensibilidade do escritor en páxinas cunha beleza difícil de atopar en textos de carácter histórico.

Casares aborda nas máis de 200 páxinas de Otero Pedrayo a vida de quen fixo de ponte na cultura galega entre o XIX e o XX e tivo un papel principal na efervescencia cultural e política do país anterior á Guerra Civil. No libro retrata a transición entre o mozo de familia fidalga e acomodada, de enorme cultura e gran desapego polo político, e o home comprometido que será Otero unha vez descubra a grandeza do seu país. Cunha implicación política e social cada vez maior, o escritor acabará sendo parte fundamental de cantas pezas puxo o galeguismo en marcha na época -as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista, o Seminario de Estudos Galegos…-, elixido deputado coa chegada da República e redactor e defensor do Estatuto que nunca chegaría a verse aplicado.

Un bloque central de capítulos analiza a significación da obra oteriana, especialmente fecunda nas décadas de 1920 e 1930, coincidindo cunha gran actividade pública do autor: as novelas realistas, os retratos da fidalguía derrotada, as memorias máis ou menos disfrazadas… pero tamén os volumes de poemas, algunha contribución poética e a gran contribución de Otero ao coñecemento da xeografía e a historia do país.

A segunda parte da biografía fala do Otero posterior ao golpe de 1936. Coa guerra, o polígrafo de Trasalba foi expulsado do ensino (onde só volvería a finais dos corenta), aínda que saíu relativamente ben parado debido, na súa opinión, ao pouco entusiasmo co que recibira ao Frente Popular coa chega da República. Otero terá momentos de gran felicidade como catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago, e de fonda tristura co falecemento de amigos queridos coma Castelao, no exilio. As fermosas páxinas finais do libro son un fabuloso retrato do escritor que se debate contra as sombras da morte, coma o “espectro do século XIX” que se consideraba.