A ONCE distribuirá cinco millóns e medio de cupóns dedicados ao Día das Letras Galegas e ao autor ao que se lle dedican este ano 2017, Carlos Casares Mouriño. A institución presentou na sede da Real Academia Galega o deseño do billete para o sorteo do día 17 de maio, nun acto ao que asistiron o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; o presidente do Consello Territorial da ONCE Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro; e o fillo do escritor e administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares Berg.

Con esta iniciativa a ONCE pretende, en palabras de Martínez Pan, “fomentar o coñecemento da cultura galega” e “exercer de embaixadores” da mesma. Para Håkan Casares Berg esta é unha homenaxe “fermosa e diferente” ao escritor.

Nesta mesma liña de difusión masiva da figura de Casares e do Día das Letras Galegas están as iniciativas de dúas das principais empresas de distribución de alimentos que operan en Galicia. Tanto Gadis como Vegalsa Eroski conmemorarán a data distribuíndo entre os seus clientes milleiros de bolsas alusivas.

No caso de Vegalsa Eroski serán 2.500.000 bolsas de dez modelos diferentes, que se repartirán coa compra diaria nos supermercados Eroski Center, Hipermercados Eroski e Autoservicios Familia. Ademáis, editáronse medio milleiro de carteis conmemorativos. Gadis, pola súa banda, leva xa días repartindo bolsas coa figura de Casares e un fragmento da súa obra Un país de palabras, e regalando aos nenos e nenas libros infantís en galego e marcapáxinas coa figura de A galiña azul, a emblemática obra infantil do autor de Xinzo.