O Instituto Cervantes de Curitiba, no Brasil, acolleu entre os días 17 e 31 de maio a exposición Carlos Casares e a fotografía, que xunta material e imaxes sobre a figura do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A mostra contou co apoio da Fundación Carlos Casares, da Xunta de Galicia, da Universidade Federal do Paraná e do propio Instituto Cervantes.
Na xornada de inauguración leváronse a cabo varias intervencións nas que se repasaron a vida e a obra de Casares. Graciela Guardia falou da súa traxectoria como escritor, mentres que Claudia Righero leu o conto ‘O xudeu Xacobe’, incluído na colección de Os escuros soños de Clío; e o poema ‘Amemos’. Leopoldo Salvador Oliva foi o encargado de guiar o acto, que contou coa actuación dun conxunto de gaitas.