A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela acolleu onte unha mesa redonda sobre Carlos Casares e a proxección exterior da nosa literatura. Na charla, organizada polo Pen Clube de Galicia e o propio Consello, participaron escritores e expertos coñecedores desta faceta do autor de Ilustrísima, e analizouse a importancia de actividades como os Encontros en Verines, unha cita animada ano tras ano por Casares en Pendueles (Asturias).

Presentou o acto Dolores Vilavedra, profesora de literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela, que destacou que a proxección exterior do galego e dos autores que o empregan foi “unha das facetas menos coñecidas e menos visibles de Casares, por terse levado a cabo fóra de Galicia”. O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, asegurou que Casares tivo o “extraordinario papel de ser un avanzado da nosa proxección cara afora”.

Sobre o papel de Casares nos Encontros en Verines falou Marilar Aleixandre. Os ‘Encuentros de escritores y críticos de las lenguas de España’ celébranse desde 1985 na Casona de Verines, situada na localidade asturiana de Pendueles, co apoio do Principado de Asturias e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. A escritora destacou que aquel evento, “en principio organizado por Víctor García de la Concha, era fundamental a presenza de Casares”. Máis alá de propiciar o achegamento entre autores internacionais de diferentes ámbitos e xéneros, “Casares era o gran animador intelectual das veladas. Cada noite todos estaban esperando que Carlos contase unha historia”. Súa foi a teima, ademais, de “facer coincidir a xente diferente” e proporcionar así unha experiencia rica aos autores participantes e, fundamentalmente, aos galegos.

Pola súa banda, o presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, falou da importancia de Casares naquel evento. “Cando ideamos esta xuntanza pensamos en Casares como difusor tanto da lingua como da literatura”, afirmou. Tamén destacou o papel do escritor de Xinzo de Limia na fundación, a finais dos oitenta, da propia sección galega do Pen Clube, como xeito de poñer en contacto aos autores do país cos doutras latitudes a través dos congresos e xuntanzas internacionais deste organismo.

Tamén participou na mesa redonda o escritor e tradutor Bieito Iglesias, que remarcou a importancia da personalidade de Casares como facilitador das relacións entre escritores de diferentes países, culturas e tradicións: “Tiña o crédito que lle daba a súa personalidade afable, educada e agradable, a súa tolerancia con ideas propias”.

Vídeo completo da mesa redonda