A Biblioteca Rosalía de Castro do Campus de Ourense da Universidade de Vigo acolle ata o próximo día 7 de xullo a mostra As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares. A mostra, organizada pola Fundación Carlos Casares, reúne capas de libros escritos polo autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, así como de obras colectivas nas que tivo participación.

Esta é unha versión ampliada da exposición orixinal, realizada no seu día en colaboración coa Asociación Cultural Rocha Forte en Santiago de Compostela. Desde a primeira edición de Vento ferido, hai agora medio século, ás modernas reedicións da obra de Casares, os creadores destas capas “contribuíron a debuxar a ventá sobre a que Casares deitaría a súa literatura”, en palabras do asesor técnico da Fundación, Miguel Valverde.

Das máis de 170 obras publicadas nas que tivo participación Casares, a exposición reúne unha escolma de 120, con traballos de fotógrafos, debuxantes, maquetadores ou deseñadores como Xohán Ledo, Manuel Janeiro ou Francisco Mantecón, (Galaxia); Xacobe Salom e Carlos Delgado (Edicións do Cerne); Enric Satué (Alfaguara); Enric Solbes (Bromera); Ubach (Caralt); Miquel Puig (Proa); Gynn Rees (Planet); Elisa D´Anna (Japadre); etcétera. Nelas inclúense obras de artistas como Egon Schiele (pintor moi aprezado polo propio Casares), Vincent van Gogh, Piero di Cosimo, Graham Brace, Edward Hopper, Giuseppe Arcimboldo, Rafael Coronel, Edward Burne-Jones ou Luís Seoane, unha mostra do eclecticismo e a multiplicidade de intereses do autor de Xinzo de Limia.

As caras dos libros tamén presta atención á obra infantil casariana, con debuxos de Fausto Isorna, Penélope Ares, Manuel Uhía, Pedro del Llano, Luis Castro Enjamio, Xan López Domínguez, Alberto García Alonso, José María Gallego e Julio Rey, Andrés Meixide ou Marga Puncel.

Imaxes: Universidade de Vigo