O Auditorio de Ribeira acolle desde a pasada semana e ata o día 3 de setembro Os mundos de Carlos Casares, a exposición central organizada pola Fundación Carlos Casares no ano no que se lle dedicou ao escritor o Día das Letras Galegas. A mostra é un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.

Á inauguración asistiron o fillo do autor, Hakan Casares Berg; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o alcalde ribeirense, Manuel Ruiz Rivas. Integrada por materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos, Os mundos de Carlos Casares retoma materiais doutra mostra que se puido ver en varios puntos de Galicia entre os anos 2003 e 2012, reestruturados para a ocasión. Nos últimos tempos, a exposición viuse enriquecida pola achega de numerosos documentos procedentes dos traballos de catalogación do Arquivo Persoal, realizados de 2010 a 2012, e da investigación derivada deles, unha riquísima fonte para coñecer a traxectoria de Casares.

A mostra está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta nunha novidosa proposta expositiva froito do traballo do estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en eventos de gran formato. Conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.

No que vai de ano, e antes de recalar en Ribeira, Os mundos de Carlos Casares puido contemplarse en Santiago, A Coruña e Ourense. Na vila arousá estará acompañada de varias sesións de contacontos a cargo de María Estévez, Paula Carballeira e Polo Correo do Vento, e unha charla do debuxante Siro, que falará o día 11 sobre as súas vivencias xunto ao autor homenaxeado.