A Casa de Cultura de Arzúa acolle desde a pasada semana e ata o día 24 de setembro Os mundos de Carlos Casares, a exposición central organizada pola Fundación Carlos Casares no ano no que se lle dedicou ao escritor o Día das Letras Galegas. A mostra é un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.

Á inauguración asistiron o fillo do autor, Hakan Casares Berg; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde de Arzúa, José Luis García López; e a comisaria da exposición, Chus Martínez Domínguez. Integrada por materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos, Os mundos de Carlos Casares retoma materiais doutra mostra que se puido ver en varios puntos de Galicia entre os anos 2003 e 2012, reestruturados para a ocasión. Nos últimos tempos, a exposición viuse enriquecida pola achega de numerosos documentos procedentes dos traballos de catalogación do Arquivo Persoal, realizados de 2010 a 2012, e da investigación derivada deles, unha riquísima fonte para coñecer a traxectoria de Casares.

A mostra está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva froito do traballo do estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en eventos de gran formato. Conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.

No que vai de ano, e antes de recalar en Arzúa, Os mundos de Carlos Casares puido contemplarse en Santiago, A Coruña,  Ourense e Ribeira. Na vila de Arzúa contará con actividades para centros escolares que visitarán a exposición.