Moitas reflexións e algunhas sorpresas desprendéronse das “Xornadas Carlos Casares”, que se desenvolveron os pasados días 7 e 9 de novembro nas cidades de Ourense e Vigo, respectivamente. Dúas cidades cun peso capital para o escritor ourensán, onde se desenvolveron as dúas primeiras paradas dun mes dedicado a Carlos Casares e que culminará coa segunda edición do Simposio sobre o escritor, os vindeiros 21 a 23 de novembro na Real Academia Galega, na cidade da Coruña.

Organizadas pola Fundación Carlos Casares e a propia Real Academia Galega, estas dúas primeiras xornadas levaron por título “Casares en Ourense, Ourense en Casares”, na que se tratou esa figura próxima, de gran sentido común, un humor fino e sinxelo, e unha facilidade para a oralidade e para a escrita que non deixaba indiferente. Na cidade de Vigo, o tema xirou ao redor dunha das actividades culturais máis importantes do escritor: o seu labor como editor.

O presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do escritor, Xavier Casares, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inauguraron ambas as xornadas. En Ourense a xornada iniciouse cunha mesa redonda moderada por Afonso Vázquez Monxardín. A xornalista Maribel Outeiriño participou cunha intervención titulada “Un verán con Carlos”; o escritor Luís González Tosar falou do escritor, a súa dona e os amigos de Ourense; e o investigador Xosé Manuel Salgado achegou o relatorio “Un escenario con algunhas sombras”. Ás 18:30 horas foi a quenda do tamén escritor ourensán Bieito Iglesias, que impartiu a conferencia “Casares e o pensamento solar”.
En Vigo, baixo o saúdo especial de Abel Caballero, que non quixo perder a ocasión para gabar a figura do amigo e da persoa para a cultura que foi Carlos Casares, na Casa Galega da Cultura de Vigo profundizouse en distintos perfís do Casares editor e algún aspecto máis da súa mocidade. A xornalista María Xosé Porteiro moderou a mesa redonda na que interviron o director xeral de Xerais, Manuel Bragado, o responsable de produción da Editorial Galaxia, Xosé Soutullo, e o escritor e tradutor Francisco Xavier Senín. Manuel Bragado falou de Carlos Casares e a Biblioteca 120; Xosé Manuel Soutullo da etapa do autor como responsable de Galaxia; e Francisco Xavier Senín de Casares como editor preocupado por atender a mocidade. A tarde rematou cunha conferencia do académico Xesús Alonso Montero sobre o pensamento político de Carlos Casares na súa mocidade baixo o título “A etapa marxistizante e guevarista de Carlos Casares (1965-1969)”.