O pasado xoves 25 de outubro, na Casa Galega da Cultura de Vigo, celebrouse unha mesa redonda para conmemorar os 30 anos da colección Árbore e tamén homenaxear a figura de Maria Victoria Moreno, a quen neste ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Nela participaron Pedro Ferriol, Manuel Janeiro e Antonio García Teijeiro, e o acto foi moderado por Francisco Castro. Por cuestións familiares David Otero desculpou a súa asistencia a través dun escrito.

 

O primeiro en tomar a palabra e facer as presentacións foi Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, quen falou da traxectoria dos relatores e da súa importancia na creación da colección Árbore. Acto seguido, Pedro Ferriol, marido da escritora homenaxeada, achegou ao público a parte máis humana e íntima de María Victoria Moreno, podendo así comprender a importancia que para a escritora supoñía o traballo editorial; ela sempre se definiu, segundo as palabras de Ferriol, como mestra, e quería que os seus libros tivesen algunha ensinanza para o lector.

Manuel Janeiro falou sobre o seu labor de grafista e ilustrador na colección Árbore. Contou como ideou o deseño da colección, bastante innovador na época, onde os libros tomaron un formato vertical, e as cores diferenciaban as idades de lectura. Así mesmo, relatou a anécdota da escolla do nome da colección e a súa simboloxía, referida ao xogo infantil, á conexión entre a terra e o ceo e a colectividade cultural de Galicia.

Por último, Antonio G. Teijeiro falou de Maria Victoria Moreno como compañeira na colección Árbore e como amiga. Carlos Casares xuntounos a todos eles (David Otero, María Victoria Moreno e Antonio G. Teijeiro) para crear e levar a cabo esta colección. Fixo fincapé na boa relación que tiñan os escritores, máis alá do do ámbito profesional, e como todas as decisións se tomaban sempre en conxunto, sen protagonismos. 

Francisco Castro pechou o acto agradecendo a asistencia do público e conferenciantes e falando da importancia da continuidade desta colección Árbore no tempo, mantendo  ao mesmo tempo o seu espirito orixinal.