A Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus pontevedrés, acolleu o día 2 de maio ás 19 horas a estrea da curta Luz de contra, realizada polo alumnado de Comunicación Audiovisual dentro do taller “Celanova, plató de ficción” do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) de 2018.

Protagonizada por Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros, e realizada por un equipo de 18 alumnas e alumnos do grao en Comunicación Audiovisual, Luz de contra preséntase como un íntimo e poderoso alegato sobre o valor de admitir que, ás veces, necesitamos alguén ao noso carón para combater a anodina soidade. Dirixida por Ana Campos, e cunha equipa técnica case completamente ocupada por mulleres, a curtametraxe toma como punto de partida certos aspectos d´O sol do verán, de Carlos Casares. Xunto coa estrea, presentouse tamén o seu making of.

Ao acto asitiron, entre outros, Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Paulino Pérez, produtor executivo da curta; Jacobo Sutil, de AGADIC; Miguel Anxo Fernández, director do CeMAC e profesor de Comunicación Audioviusal da UVigo.

O acto tivo dúas actuacións artísticas, un ao comezo e outra para o peche, da man de dous ex-alumnos da Universidade de Vigo que, co seu talento, vestiron o acto e amenizaron o evento que copou todo o aforo dispoñible no auditorio. Salomé Trujillo desenvolveu unha peza de danza artística de gran calidade e harmoniosidade, mentres que Denís Carballás pechou o acto coa divertida interpretación de dúas pezas, unha propia e unha versión, a guitarra, voz e harmónica.