A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Carral e mais a Fundación Penzol, inaugurou a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela”. A inauguración tivo lugar o martes 10 de marzo ás 13.00h no Local da Xuventude do Concello de Carral. No acto estiveron presentes o comisario da mostra, Gustavo A. Garrido, o administrador da fundación Håkan Olof Casares e o alcalde do Concello de Carral, Javier Gestal. A exposición, con textos en galego, castelán e inglés permanecerá aberta entre o 10 e o 27 de marzo e está destinada a todos os públicos.

En primeiro lugar falou o alcalde de Carral, que agradeceu a oferta da Fundación Carlos Casares de acoller esta mostra, indicando a posibilidade de realizar actividades culturais conxuntas no futuro. Aproveitou a ocasión para abrir a programación no Concello relacionada co Xacobeo 2021 “que permitirá reforzar os sinais de identidade deste territorio e as súas xentes, forxados en relación coas peregrinacións que cara a Compostela pasaban por Carral.”

Håkan Casares, fillo do escritor ourensán, aproveitou para simbolizar a herdanza cultural escandinava e galega da man dos seus pais, especialmente de Kristina Berg, esposa de Carlos e muller de grandes intereses culturais. Dela partiu a idea inicial, en 2010, de facer esta exposición, aínda que en formato moito máis ambicioso.

Por último, Gustavo Garrido, comisario da exposición agradeceu ao programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia a posibilidade de facer realidade a mostra, salientando os feitos máis singulares da mesma e as actividades relacionadas que se desenvolverán durante a súa itinerancia, incluso máis alá do tempo inicialmente designado.

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.

Coincidindo coa exposición, a Fundación Carlos Casares desenvolverá algunhas actividades culturais complementarias, como visitas guiadas para centros escolares e a outras entidades que o soliciten. Así mesmo, unha sección específica da páxina web da Fundación Carlos Casares, permitirá ampliar os coñecementos sobre os aspectos que se desenvolven na exposición.