A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Carral e mais a Fundación Penzol, reabre este xoves 25 de xuño a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela”. A inauguración tivo lugar orixinalmente o martes 10 de marzo ás 13.00h no Local da Xuventude do Concello de Carral, pero apenas 2 días despois tiveron que suspernderse as visitas tras as recomendacións da Xunta de Galicia e a posterior crise sanitaria.

A exposción, con textos en galego, castelán e inglés estará aberta entre o 25 de xuño e o 10 de xullo e está destinada a todos os públicos. Debido ás medidas de seguirdade e ao control de aforo da entrada á exposición, o horario será de 10 a 13 horas, con necesidade de cita previa no teléfono 981.672.580 ou consultando á chegada das instalacións a posibilidade de visita atendendo ao aforo permitido.

 

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.

Coincidindo coa exposición, a Fundación Carlos Casares pon a disposición dos usuarios unha sección específica da páxina web da fundación que permitirá ampliar os coñecementos sobre os aspectos que se desenvolven na exposición, con textos –ademais de en galego- en castelán e inglés, con reproducción de audio nestes idiomas para a súa consulta por parte de persoas con dificultades visuais.

Tamén estará a disposición do público, especialmente o máis novo (8-14 anos), unha guía didáctica chamada “Busca-busca”, no que se deberá indagar nos paneis para obter unha resposta a certos retos presentados.